GRUPO DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAL
ASOCIACIÓN CULTURAL ROSALÍA DE CASTRO
O grupo folklórico da Asociación Cultural Rosalía de Castro, integrado polas seccións de baile, gaita e pandeireta, e en resposta a un dos obxectivos xerais que persegue a nosa Asociación, ten levado a cabo traballos de recuperación e difusión do folklore galego a través de recolleitas de bailes e música tradicionais e da súa participación en concursos e actuacións, moitas delas de carácter internacional.
O quefacer folklórico da A. C. Rosalía de Castro arranca incluso antes de que a propia Asociación exista como tal, xa que o considerado como xérmolo do actual grupo, un cuarteto de gaitas, viña funcionando xa no antigo Teleclub. A súa primeira actuación como grupo pertencente ó entón recentemente creado Centro Cultural Rosalía de Castro, da que conste documentación, data do Nadal de 1981 e ten lugar no Cottolengo e no Asilo de Anciáns de Santiago, aínda que anteriormente xa se fixeran outras saídas e actuacións.
O segundo paso neste percorrido folklórico foi a creación dun grupo de baile que comeza a ensaiar nas aulas do local da Igrexa en novembro de 1982 e que debuta como tal na primavera de 1983 nunha actuación á saída da misa en Cacheiras.
A partir daquí, e coa posta en funcionamento en 1984 dunha escola que o respalde, o grupo consolídase e comeza a darse a coñecer tanto pola súa actividade de investigación folklórica como polas súas actuacións, que cada vez teñen lugar máis lonxe de Cacheiras.
A investigación folklórica, faceta importante da A. C. Rosalía de Castro, estivo desde o principio estreitamente vinculada ós membros do grupo titular xa que foron estes os que percorreron diferentes zonas da xeografía galega e limítrofes na busca de persoas que lles puidesen ensinar un baile, unha cantiga, unha peza de gaita ou pandeireta ou lles permitisen sacar un retrato a algún traxe, aderezo ou calquer outra peza valiosa. Como dato importante a destacar no que a investigación se refire, sinalar que en 1991 o grupo é seleccionado xunto con outras agrupacións pola Excma. Deputación Provincial de A Coruña para levar a cabo un traballo de investigación, que a nosa asociación centra en concellos da zona sur-oriental da provincia.
Como consecuencia destas investigacións o repertorio artístico íase ampliando e renovando, feito que ía en comuñón cunha ampliación tamén do marco xeográfico no que ían tendo lugar as novas actuacións. Así, das festas e romarías da redonda das primeiras actuacións pasouse por exemplo ás viaxes a diversas zonas de Portugal como foron Aveiro, Esmoriz, Vilaverde, Palmeira, Braga, Viana do Castelo, Batalha, Rio Tinto ou Celeirós. En 1988 e 1989 o grupo participa no Desfile Internacional do Folklore en Alicante e en xullo deses mesmos anos actúa en Zarautz con motivo da celebración do Día de Galicia organizado pola Sociedade Recreativa Carballeira en colaboración co Concello guipuscoano. Así mesmo, gran expectación e ilusión causou nos membros do grupo poder viaxar ata terras inglesas e tomar parte como grupo invitado na Romaría Española de Ayslesford-Kent (Londres) no ano 1991. En outubro do 2000 fíxose unha actuación en Pineda de Mar (Barcelora). Xa máis recentemente, o grupo tivo a honra de participar en tres ocasións consecutivas nos anos 2000, 2001 e 2002 no Día de Galicia que tódolos meses de xullo organiza o Centro Galego de Ceuta.
Neste percorrido, a sección folklórica da nosa asociación ten acadado numerosos premios e recoñecementos conseguidos en distintos concursos. Así, en 1986 o grupo faise coa medalla de bronce ó mellor grupo e medalla de bronce á mellor bailarina nas XVII Xornadas Do Folclore Galego celebradas en Santiago de Compostela, conseguindo de novo tres anos despois nese mesmo certame a medalla de bronce. En 1995 reciben o primeiro premio no II Concurso Internacional de Danzas Folklóricas de Pineda de Mar (Barcelona) e, posteriormente, obtén o segundo premio (medalla de prata) e premio especial ó mellor grupo de acompañamento nas II Xornadas de Danza e Música Tradicional Galega organizadas polo concello de Vigo no 2000, certame no que dous anos despois se consegue o terceiro premio (medalla de bronce).
O grupo de gaiteiros e pandereteiras non se quedou atrás e conta no seu haber coa obtención, entre outros, dos seguintes premios:
Concurso de cuartetos organizado pola Asociación Folklórica Cantigas e Agarimos: 1º premio nos anos 1990 e 1992, e 2º premio en 1991.
Concurso de cuartetos tradicionais organizado pola Agrupación Folklórica Rosalía de Castro de Padrón: 2º premio en 1996 e 1º nos anos 1997 e 1998.
Concurso “Ricardo Portela” organizado polo concello de Pontevedra: 3º premio e premio especial á mellor interpretación en toque pechado, na edición de 2001.
Concurso de Música Tradicional da A. X. Xacarandaina (A Coruña): 1º premio en 1999, 3º en 2000 e 2º en 2001.
Concurso “Alalá” da A. F. C. Santa Cruz de Ribadulla (Vedra): 1º premio en 2001.
Concurso organizado pola A. X. Xalgarete (Vigo): 2º premio na VIII edición, ano 2002.
ESCOLA DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAIS
É a actividade da Asociación que máis cambio sofreu ó longo dos seus anos de existencia no que a volume de participantes se refire. Sirva de exemplo que no curso 85-86 había un total de 54 alumnos distribuídos en dous grupos de baile e dous de gaita-solfexo e a escola conta na actualidade con aproximadamente 100 alumnos distribuidos en seis grupos de baile, tres de gaita e cinco de pandeireta.
Tampouco cabe dúbida de que ó longo do tempo se produciu un cambio na organización e consideración de cada un dos tres grupos-piares (baile, gaita e pandeireta) xa que nun principio os grupos instrumentais asimílanse a un mero acompañamento do grupo de baile nas súas actuacións e saídas e non constitúen grupos de seu. Isto vese máis acusado no caso das pandereteiras se temos en conta que habería que esperar ata 1987 para que esa actividade se incorporase na programación. Serán a participación en concursos de pandereteiras e as actuacións exclusivamente instrumentais o que contribúa a que co tempo vaian gañando en recoñecemento como grupo de pandereteiras en si.
Aínda que con certas excepcións, os ensaios da escola véñense desenvolvendo case coma un ritual os sábados pola mañá, día no que o local asociación se transforma nun fervedoiro de nenos e nenas que xa a partir de idades tan temperás como os tres ou catro anos comezan a intentar manter os brazos levantados ó mesmo tempo que se esforzan en lograr facer un picado ou un punto.
Folga dicir que a escola folklórica constitúe para a A. C. Rosalía de Castro unha actividade das máis importantes de tódalas que se organizan ó mover un número considerable de alumnos e ó darlle servicio a tantos socios. Por isto mesmo, o traballo cos rapaces nas clases baséase na transmisión dun sentimento de valor e respecto polas propias tradicións intentándose sempre ir máis aló da mera aprendizaxe de bailes, cantigas ou pezas de gaita.